sábado, 23 de abril de 2016

O SEÑOR DON LIBRO

O SEÑOR  DON  LIBRO

Estaba o señor don Libro sentadito no seu sillón,
cun ollo pasaba a folla e co outro vía a televisión.

Estaba o señor don Libro aburrido no seu sillón;
esperaba a visita dalgún pequeno lector.

Don Libro era un tío moi sabio, que sabía da Lúa do Sol,
que sabía de terras e mares, de historias e aves, de peixes de toda cor.

Estaba o señor don Libro a tiritar de frío no seu sillón;
viuno un neno, colleuno nas súas mans e o libro entrou en calor.










miércoles, 13 de abril de 2016

MANIFESTO ESCOLAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Vivía en Lugo.
Era a nosa veciña.
Tiña 24 anos
e un montón de ilusións…
Unha rapaza chea de vida.
Chamábase Tatiana.
A fin de semana pasada unha man salvaxe acabou con ela,
quebrou todos os seus soños.

Tres días de loito oficial.
Unha homenaxe póstuma.
O loito verdadeiro no noso corazón,
que latexa de tristura por unha vida rematada
antes de tempo e dun xeito tan violento.

E con Tatiana xa van quince en España,
quince vidas truncadas
a mans das súas parellas ou exparellas.
Ningunha muller merece o maltrato e a violencia.
Ningunha muller merece esta última humillación…

Un minuto de silencio por Tatiana
e todas as demáis víctimas da violencia de xénero.
Unha vela por cada unha e un bico para todas.
De corazón.







martes, 8 de marzo de 2016

VÍDEO MANIFESTO DO DÍA DA MULLER


MANIFESTO DÍA DA MULLER

Día da muller traballadora
(8 de marzo)

O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo, está recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade.
Aínda que todos os días deberiamos recoñecer o valor e igualdade da muller, celébrase neste día en lembranza dunha marcha celebrada o 8 de marzo de 1908 na que milleiros de mulleres marcharan protestando polo traballo dos menores e pedindo melloras nas condicións laborais e o dereito ao voto baixo o lema de "Pan e rosas".

Frases para o día da muller
“Cuando una mujer se rinde es porque ha vencido”  (Aldo Camarota)
“Una verdadera luchadora no es la que siempre gana, sino la que a pesar de sus derrotas nunca se rinde”
“La mujer marca el camino” (Andreu Buenafuente)
“Sin la mujer, la vida es pura prosa” (Rubén Darío)

No noso cole imos pasar polas aulas facendo unha manifestación en pro da igualdade da muller baixo o lema: “Eu tamén podo”. As nenas portarán unha pequena pancarta individual co símbolo da muller contendo un puño (símbolo que aparece ao final de páxina), nun xesto moi reivindicativo. Un grupo de nenos e nenas dialogarán do seguinte xeito:
Neno -  Eu podo ser bombeiro.                                 Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser futbolista.                                  Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser espía.                                        Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser empresario.                               Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser profesor.                                    Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser militar.                                        Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser vendedor.                                   Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser piloto.                                         Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser carteiro.                                      Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser pulpeiro.                                     Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser músico.                                       Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser informático.                                 Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser avogado.                                    Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser arqueólogo.                                Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser político.                                       Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser xogador de baloncesto.              Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser astronauta.                                  Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser socorrista.                                   Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser entrenador.                                 Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser policía.                                        Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser libreiro.                                        Nena -  Eu tamén podo.
Neno -  Eu podo ser cantante.                                     Nena -  Eu tamén podo.

FELIZ DÍA A TODAS E, SOBRE TODO, TODOS OS DÍAS DO ANO!




miércoles, 24 de febrero de 2016

Musicalización Pra a Habana

Para conmemorar o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, os alumn@s de 4º, fixeron a musicalización do poema Pra a Habana.
Esperamos que vos guste.


Rosalía de Castro

DIA DE ROSALÍA DE CASTRO – 24 de febreiro


Ola a todos, pequenos e grandes, grandes e pequenos:
Eu son Rosalía, unha escritora galega á que lle gusta moito a poesía.
Escribín poemas variados e de temas diversos; iso si, con moito sentimento.
Hoxe, 24 de febreiro, é o meu día.
As escritoras e escritores Galegos queren así homenaxearme no día do meu aniversario.
Sabedes cantos anos cumpro? ... Pois 179; nin máis nin menos.
Din que estou enterrada en Santiago de Compostela, no Panteón dos Galegos Ilustres,
pero ese é un lugar moi serio e frío, sabedes?
Eu non me quedei alí  e por iso se equivocan.
Se me queredes de verdade encontrar, buscádeme nas miñas obras,
ollade os meus libros, lede algún poemiña escrito por min.
O meu corazón, dalgún xeito misterioso, segue a latexar nos meus versos.
Alí, no medio deles, me atoparedes.
Se queredes facerme un agasallo vide visitarme á biblioteca.
Alí agardo por vós, agochada nos meus poemiñas.
Un bico e unha rosa para todos.
Deica o ano que vén.
A vosa amiga
ROSALÍA



viernes, 5 de febrero de 2016

ENTROIDO

UNHA FESTA MOI GALEGA

   Estamos ás portas da festa máis transgresora do ano: o Entroido, unha festa moi nosa, con moita tradición en Galiza; lembremos que a nosa comunidade foi unha das poucas que seguiu celebrándoo en tempos no que estaba prohibido.
   Imos comezar un percorrido por lugares de Galiza nos que esta tradición goza de moi boa saúde. Cada curso, un recuncho. Propoñémovos achegarnos neste curso a Viana do Bolo, no leste de Ourense, preto xa do límite coa provincia de Zamora.

O ENTROIDO EN VIANA DO BOLO

            O nome oficial desta celebración nesta vila é “Festa da Androlla e o Entroido”. Os protagonistas son:
- A androlla, un saboroso embutido de porco que se convirte no prato estrela e que se degusta nun multitudinario banquete popular o domingo de Entroido, tamén chamado Domingo Gordo.
- Os Folións, que son as comparsas que van desfilando e animando polas rúas coa súa música ben sonora. Ademáis dos grandes bombos tocan sachos con martelos, cun toque moi metálico.
- O Boteiro, unha personaxe con máscara negra e impresionante penacho sobre a cabeza. A súa misión é anunciar a chegada do Folión e abrirlle paso coa monca, un vistoso pao co que vai dando saltos e mantendo a raia ao público.

Aviso para navegantes:
Podedes ver un vídeo en “Carnaval de Viana do Bolo – You Tube” e imaxes en “imágenes de folións viana do bolo”.

OCURRENTE, TRANSGRESOR E DIVERTIDO ENTROIDO A TODAS E TODOS!


                                                                   O Equipo de Dinamización Lingüística